Reciclar é o proceso que sofren os materiais de refugallo cando son recollidos e transformados en novos materiais, que poden ser utilizados ou vendidos como novos produtos.
O proceso de reciclaxe converteuse nunha actividade que axuda a solucionar moitos problemas ocasionados polos millóns de toneladas de refugallos sólidos que producimos a diario os seres humanos de todo o mundo. Reciclar é, polo tanto, contribuír a protexer o medio natural para deter a contaminación ambiental. Participar coa recollida, a separación e a reciclaxe é unha forma distinta de concivir a vida e percibir o contorno natural.
O noso obxectivo con este proxecto "o mundo nas nosas mans" é que os nosos alumnos/as teñan unha primeira toma de contacto no labor da reciclaxe, empezando por seperar as basuras que se xeran na aula, coñecendo os distintos colectores que nos atopamos na rúa e vendo como é posible reutilizar algúns dos materiais que poderiamos considerar de refugallo.
Con pequenos xestos como os que se producen a diario na nosa aula estamos achegando un gran de area ao coidado do noso planeta e o respecto polo medio natural.
Así co desenvolvemento deste proxecto educativo pretendemos transmitir unha concienciación da importancia do reciclado para o coidado do noso mundo. E que o reciclado sexa unha medio para dar utilidade a numerosos materiais de refugallo e convertelos en obxectos valiosos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario