E como non podía faltar, aquí vos deixamos uns conselliños para o verán. Gozade del e dos vosos pequenos e pequenas.
LINGUAXE:
- Pedirlles que nos conten o que fixeron durante o día. Deixarlles que falen escoitándoos con tranquilidade.
- Reforzar o trazo do nome, que escriba o dos seus familiares próximos, copiar palabras.
- Xogar coas vogais e consoantes que aprendemos.Discriminalas visual e auditivamente, desenvolver o trazo das mesmas, facer xogos con elas
- Acostumalos a pedir as cousas por favor, a dar as grazas, saudar, despedirse.
- Favorecer a súa linguaxe oral, aumentando o vocabulario coas experiencias deste verán e estruturar correctamente as frases.
- Xogar a palabras encadeadas, que empecen por... adiviñas, trabalinguas, poesías, cancións,
- Continuar contándolles contos en calquera sitio: o coche, a piscina, ao durmir...
- Visitar bibliotecas municipais. Facer o carné para poder sacar xogos e contos acordes á súa idade.
A escritura pódese practicar en calquera momento aproveitando calquera actividade, poden escribir listas de palabras, ou pequenas frases (ben ao ditado ou por produción propia, con letra maiúscula ou minúscula).
É bo que debuxen e escriban sobre experiencias que tiveron. Pódeselles preparar un caderno con folios grampados deixando a maior parte do folio libre para que debuxen e facerlles unhas liñas debaixo para que escriban sobre o que debuxaron.
Neste traballo non é tanto a cantidade de debuxos e producións escritas como a calidade, estimuládeos a que os seus debuxos sexan ricos en detalles, o traballo sexa limpo, se non se termina nun día termínase en dous.
XOGOS DE LÓXICA-MATEMÁTICA:
- Xogar con elementos da contorna para clasificar, facer series, contar elementos, operacións sinxelas de sumar e restar (engadir e quitar).
- Reforzar a serie numérica, grafía dos números, ascendente /descendente, anterior e posterior.
- Lembrar os días da semana, meses do ano, conceptos como grande- mediano-pequeno, duro/brando, xunto-separado, diante-detrás, longo-curto, preto-lonxe, cheo-baleiro, ancho-estreito.
- Fomentar os xogos de mesa: dominó, parchís, cartas..
- Xogos interactivos .
XOGOS ARTÍSTICOS:
- Facer masas sensoriais e xogar con elas.
- Proporcionarlles materiais diversos como revistas, xornais vellos, papel de agasallo, tubos de rolos de papel hixiénico, pinceis, acuarelas, tesoiras de punta redonda, pegamento, e permitirlles que invente, que recorten, coloreen, rasguen, modelen e peguen todo o que sexan capaces de imaxinar.
Procurar que os nenos/as teñan liberdade para saltar, correr, subir /baixar, procurándolles espazos ao aire libre o máis frecuentemente posible.
NON ESQUECER:
- O hábito de coller correctamente o lapis, sentar na cadeira e colocar o papel.
- Hábitos de aseo, orde e hixiene persoal xa deben ser desenvolvidos de maneira autónoma.
- Ofrecerlles demostracións de agarimo con caricias, bicos, cóxegas. Encomiar as condutas positivas sempre pero tamén castigar ou rifar as negativas.
- Reforzarlles positivamente todos os logros que vaian alcanzando e axudarlles a mellorar aqueles que máis lles custen.
- Non darlles todo o que pidan e ensinarlles a elixir.
- Acostumalos a esperar. !Non se poden satisfacer as necesidades ou desexos no mesmo momento!
- Os nenos/as necesitan estar con outros/as da súa idade para favorecer a comunicación e compartir experiencias socializadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario