Hoxe visitáronnos Lupe e Fabián (os papás de Antonio e Lucia) e a pesares de que moitos de nós xa os coñeciamos tiñámoslle algo de vergoña, así que ao principio non nos atreviamos nin a preguntarlle como se chamaban.
Despois duns primeiros momentos de timidez puxémonos a traballar, xa que os papás da nosa encargada viñan con ganas de ensinarnos a facer unha manualidade cunha cascara de noz. O primeiro que fixemos foi comer as noces (estaba claro non) e logo pintamos as cascaras de distintas cores (unhas verdes para os que quixeron facer unha ra e outras vermellas e negras para os que quixeron facer unha xoaniña). Despois de pintar tivemos que agardar para que secasen as cascaras e nada mellor para facer máis curta a espera que realizar unha desas obras de arte en papel continuo que tanto nos gustan e aproveitar a ocasión para pintarnos as mans, a roupa, os mandilóns e por suposto o baño e o piso da nosa clase.
Logo de facer o noso "picasso" seguimos coa manualidade: primeiro colocámoslle a parte de abaixo e logo os ollos.
Para rematar despedimos aos nosos invitados facéndolles moitas proposicións para o verán e dándolle moitísimos bicos e apertas.
E despois da merenda os máis golosos gozaron coas chuches que nos deixaron de agasallo cando se foron.
Moitas grazas familia pola vosa visita, por ensinarnos a facer animais con noces e polas chuches e as noces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario